Arquivo do blog

16/02/17

Carolina Fernández (4º ESO) entrevista a SéS, o “fenómeno” musical galego


Eu, como Guevara, prefiro morrer de pé que vivir sempre axeonllada

María Xosé Silvar, cantautora nada na Coruña, comezou a súa andaina na música en 2007, cando formou o grupo “Chámalle Xis!” xunto con tres amigos. Despois de máis de 30 concertos, en 2010 gravou unha maqueta con tres temas e un ano despois lanzou o seu primeiro álbum.
Orfa de pai, foi o seu avó mugardés quen a coidou desde pequena e lle inculcou a paixón pola música.
Nunca pensou que triunfaría, porén, acaba de publicar o seu cuarto disco, Opoñerse á extinción, enche auditorios enteiros, séguena milleiros de persoas e está a ser a cantante galega máis coñecida do momento, non só en Galicia, senón noutras cidades fóra do país como París ou Lisboa.
A letra das súas cancións ten carácter reivindicativo, fala da defensa da identidade galega e da igualdade de xénero, das vivenzas da súa vida e do amor pola súa lingua; e todo isto fai que conecte moi ben co seu público.
O que máis ilusión lle fai, comenta, é que a xente queira ir a vela.
 
- Como te definirías como persoa?
Son unha persoa moi normal, moi vitalista e moi enérxica, pero tamén moi reflexiva e crítica, por iso ás veces podo resultar “desagradábel” en escena, porque falo de inxustizas que me fan sufrir, pero creo que non o son, considérome unha tía simpática e moi do chan, moi normal.

- Cales son os teus ideais?
Eu creo na igualdade por riba de todo, na igualdade de todos os seres que habitamos o planeta, na igualdade de dereitos e responsabilidades. Creo que todas e todos temos a obriga de ser boas persoas e honestos, e ninguén pode fuxir desta responsabilidade.

- E os temas principais das túas cancións?
Son o meu día a día, as miñas experiencias e as miñas ideas sobre a vida. Realmente son reflexións metafísicas mesturadas con datos autobiográficos, pero todo iso presentado dun xeito moi coloquial, moi sinxelo e asequible.

- Xa dende pequena sabías a que te querías dedicar cando foras maior?
Non, en absoluto. Primeiro quería ser avogada (porque sempre fun bastante defensora de causas perdidas), despois mestra, iso aínda me dura, porque son unha docente vocacional. O tema da música encántame, pero nunca esperaría adicarme a ela, de feito aínda me sorprende hoxe.

- Ademais de compoñer e cantar as túas cancións , estudaches varias carreiras. Cales e por que as estudaches?
Estudei dúas: Filoloxía Galega e Antropoloxía Social; tamén estudei un par de cursos de Filosofía, pero tiven que aparcala por un tempo, recuperareina en breve. Fixen o meu programa de doutoramento en Lingüística e actualmente ando a facer a tese doutoral en Literatura Comparada.
Para min estudar sempre foi un xeito de aprender a vivir, para nada unha imposición, todo o contrario. Escoitando á xente cos ollos aprendín moitas cousas do mundo que me rodea e ensinoume a ser máis libre. Creo que toda persoa que queira ser libre ten que comezar por escoitar moito cos ollos, por ler moito e observar. Sobre todo as mozas da vosa idade.
- De todas as túas cancións, cales son aquelas coas que máis conectas co teu público?
Creo que a “Milonga de aquí”, “Non son fada” e “Tempestades de sal”, que falan de humildade, igualdade e orgullo identitario. Esas son as que máis me gusta sentir na boca da xente.

- Na canción “A Paz Esquiva” falas dunha paz que se che resiste, da paz que non se mantén. Que queres dicir?
Pois sempre sentín unha tendencia á inquedanza interior, e diso falo. Falo de atopar a paz dentro de min e de atopar unha reconciliación cun contexto social e político que me desgusta e me fai sufrir, moitas veces me provoca rabia, ira. Pero sempre falo diso desde a vontade de reconciliarme con el e atopar esa paz. A miña e a nosa paz.

- O teu novo álbum denomínase Opoñerse á extinción, cal é o seu significado?
Pois ese exactamente: opoñernos á nosa extinción como raza e como pobo. Como raza porque se están perdendo os valores de empatía e solidariedade que deberían ser inherentes e omnipresentes en todo humano. Ademais falo tamén de opoñernos á extinción da identidade galega. Pensade que as nenas e nenos xa non falan galego hoxe, moi poucos, polo que nos queda pouco tempo de lingua e, en consecuencia, de identidade galega. E a min iso faime chorar.
  • Cal é o teu punto de vista sobre a situación da lingua galega na actualidade?
  • Está en vías de extinción, como non tomemos a decisión individual de falala todas e todos, quedamos sen ela.
- O 2016 rematou con 44 mortes por violencia de xénero e os casos de maltrato seguen existindo en pleno século XXI. Cal cres que é a causa principal?
A educación. O sistema é hipócrita, celebra o 8 de marzo e o 25 de novembro pero segue educando ás nenas para seren submisas e secundarias e aos nenos para ser líderes. Poño un exemplo sinxelo: cantos nenos vedes na rúa paseando bonecas nun carricoche? Hai unha educación das nenas para a vida doméstica e dos nenos para o liderado e iso crea mulleres resignadas, abnegadas e homes sobre-empoderados, pero tamén perdidos. Iso sumado a un consumo de violencia excesivo non pode ter outra consecuencia que o terrorismo que estamos a sufrir.

- Como cres que se podería conseguir saír dunha sociedade machista?
Con cultura, con estudo e cun cambio no sistema educativo xa. Un cambio drástico e axiña. Os contidos do sistema educativo, por exemplo, son contidos hipermachistas. Cantas pensadoras estudades? Cantas escritoras? Cantas científicas? Credes que non as houbo? Realmente credes iso?
A historia non é obxectiva, escríbea alguén obedecendo a uns intereses determinados. Neste caso a historia escríbese para perpetuar este sistema, porque son os donos do sistema os que a escriben. Pero un cambio no sistema educativo non é suficiente sen un cambio máis profundo do paradigma político-económico. O sistema é piramidal para todo, críasenos na competitividade, crían lobos e obteñen lobos. Non sei se o mundo asistirá antes da súa fin a un cambio de pensamento, pero sen ese cambio, sen unha visión centrada máis no horizontal que no vertical, estamos vendidos.

- Moitas das túas cancións son de denuncia, reivindicativas e liberais. Tiveches algunha vez problemas de liberdade de expresión coas autoridades?
Si, varias veces, incluso estiven imputada por asistir a unha manifestación, simplemente por estar reclamando o dereito a expresarme no meu idioma, xa ves. Pero non me preocupa: eu, como Guevara, prefiro morrer de pé que vivir sempre axeonllada. Non me gusta verme amedrentada, creo que se conseguen meternos o medo dentro xa nos matan en vida. Eu quero vivir ben e feliz, e quero o mesmo para todo o mundo, pero para iso hai que traballar sen medo; con lucidez e precaución, pero sen medo.

- A túa guitarra rosa non é unha calquera, é moi especial. Poderíasme contar algo sobre ela? E dar os nomes das mulleres que “a habitan”?
É unha guitarra que eu fixen con fotos de mulleres que me marcaron, que escoitei sempre cantar ou que me invitaron a pensar e me ensinaron a vivir. Hai moitas: Simone de Beauvoir, Janis Joplin, Odetta; Joan Baez, A Pasionaria, Big Mama Thornthon, Violeta Parra, Mercedes Sosa, Nana Mouskuri, Etta James, Rosa Parks... moitas.

- E xa para rematar, din que a túa orixe paterna está relacionada con Mugardos, é iso certo?
Si, meu avó paterno, o que me criou, era de Mugardos; e miña madriña tamén o é. Eles sempre falaban moito de Mugardos e foron persoas cruciais na miña vida, por iso me sinto moi perto da bisbarra de Trasancos.

- Poderiamos contar contigo durante este curso para actuar e falar un chisco con nós (ou o que surxa) no IES de Mugardos ? Mira que estamos traballando arreo sobre as mulleres!
Claro!! E ese día lévovos a guitarra e así falamos delas. Mil bicos!!

Conclúe así a entrevista con esta cantareira. Deica logo, Sés, e moitas grazas!!